Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ántrax, carbuncho, carbúnculo

 

Ficha elaborada por Xurxo Feijoo

20/4/2005

 

Os problemas terminolóxicos que presentan estes termos débense a dúas razóns principais:

1. Por unha banda, os medios de comunicación difundiron erradamente durante algún tempo o termo ÁNTRAX en español e en galego (do inglés ANTHRAX) para facer referencia á enfermidade infecciosa do gando, especialmente do vacún e do ovino, ocasionada polo Bacillus anthracis e que pode transmitirse ao ser humano por contacto con animais infectados ou produtos derivados deles. O problema está en que a definición non se refire en galego ao ÁNTRAX, senón ao CARBÚNCULO ou popularmente CARBUNCHO.
O termo ÁNTRAX en galego (do gr. ánthrax, carbón) fai referencia a unha tumefacción inflamatoria do tecido celular subcutáneo e das glándulas sebáceas, circunscrita e dolorosa, debida á infección supurada de varios folículos pilosos contiguos (Diccionario das Ciencias da Natureza e da Saúde). A cuestión é complexa porque, neste caso, tanto o galego como o inglés, manexan os dous termos, mais de maneira oposta, é dicir:
Para a 'tumefacción inflamatoria...' o galego usa ántrax e o inglés emprega carbuncle, mentres que para a 'enfermidade infecciosa do gando...' o galego recorre a carbúnculo ou carbuncho e o inglés a anthrax.

Inglés: ANTHRAX Galego:CARBÚNCULO, CARBUNCHO
Inglés: CARBUNCLE Galego: ÁNTRAX

2. Por outra banda, en galego tanto CARBÚNCULO como ÁNTRAX téñense empregado coma sinónimos nalgúns medios e obras lexicográficas. Isto é erróneo porque aínda que describen realidades próximas, designan dúas cousas diferentes.
Para rematar lembremos que si son sinónimos CARBÚNCULO e ÁNTRAX MALIGNO.

As equivalencias noutras linguas son como seguen:

Gl. CARBÚNCULO, ÁNTRAX MALIGNO
Pt. carbúnculo <DHLP2001>
Es. carbunco, ántrax maligno <Termcerca>
Fr. charbon, maladie du charbon <GDT>
It. carbonchio <Zingvocab2001>
Ca. carboncle <Termcerca>
En. anthrax <GDT>

Gl. ÁNTRAX
Pt: antraz <DHLP2001>
Es. ántrax <DRAE2001>
Fr. anthrax <GDT>
It. antrace <Zingvocab2001>
Ca. àntrax <Termcerca>
En. carbuncle
<GDT>