Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

devasa, tornalumes, firewall, barreira de control

 

Ficha elaborada por Xurxo Feijoo

20/7/2005

 

O termo inglés “firewall” cast. “cortafuegos” aplicado ao eido da informática e á Internet, designa un programa ou conxunto de programas dun servidor de acceso a unha rede de área local que xestiona e controla as comunicacións con outras redes externas para garantir a seguridade. <Termcerca>.

En galego existe vacilación á hora de atopar un termo que se axuste a esta realidade, por varios motivos:

1 Desde o punto de vista terminolóxico resulta moi complicado propoñer unha solución rendible para o galego, debido á implantación que ten a lingua inglesa no eido da informática e as novas tecnoloxías.
2 O termo “cortafogos” ou “cortalumes” considérase calco do castelán, de feito non aparece nin no Gran Dicionario Xerais, nin no novo Dicionario Ir Indo, por poñer dous exemplos. O termo que en galego se aplica para designar “o camiño que se fai no monte para impedir o paso do lume” é “devasa”, que podería aplicarse por extensión léxica á mesma realidade no eido da informática.
3 Existiría tamén a posibilidade de propor en galego o termo “tornalumes”, porque, segundo establecen algúns participantes na rolda de terminoloxía, este termo respondería á forma máis comunmente establecida pola lingua galega para crear termos compostos que queiran designar: “algo que serve para parar, frear ou impedir o paso” como nos casos de “tornarratos” ou “tornafogo” (lintel do forno). Entón, neste caso, prefírese a estrutura “torna+substantivo” do que “corta+substantivo”. A pesar do bo razoamento desta proposta, foi a que menos éxito tivo.

En Termigal proponse para esta realidade o termo “devasa” seguindo o criterio da maior parte das fontes lexicográficas nas que aparece este termo aplicado á agricultura e á industria forestal:
“Camiño ou carreiro que se fai no monte, no campo ou na fraga, libre de vexetación, para evitar que se estendan os incendios.” <IRINDO2004>

Por extensión, aplicaríase este termo á realidade anteriormente comentada no campo da informática. Deste xeito, habilitaríase un novo significado para este termo orixinariamente empregado noutros eidos.
O problema que podería haber coa proposta “devasa” radica na súa claridade. Se cadra, a relación que garda a denominación co concepto non lles resulte demasiado clara aos informáticos ou expertos na materia.

En Termigal proponse como sinónimo de “devasa”, o termo “barreira de control”.
Ademais, nas linguas do noso contorno temos as seguintes equivalencias:

Pt: guarda-fogo, barreira de segurança <Internet>
Fr. coupé-feu, garde-barrière <Termcerca>
It. firewall <Internet>
Ca. tallafoc <Termcerca>
En. firewall <Termcerca>