Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

hot dog, bolo con salchicha, pan de salchicha, bolos preñes de salchicha

 

Ficha elaborada por Xurxo Feijoo

5/4/2005

 

O termo inglés "hot dog" designa, como todos sabemos, un bocadillo de salchicha que se come normalmente en postos de comida rápida de todo o mundo. Este termo chéganos ao galego a través do español mediante un calco case literal: perrito caliente.
A esta realidade déuselle primeiro o nome de dachshundsausage ('salchicha can-salchicha'), mais a Cámara de Comercio de Coney Island prohibiu o termo porque podía entenderse que as salchichas estaban feitas con carne de can-salchicha e non que tiñan a forma dun can-salchicha. O nome anglosaxón actual xurdiu finalmente coa finalidade de evitar confusións.

Pare este termo o Termigal ten proposto "pan de salchicha". Parece que esta opción non gusta moito entre os membros da rolda de terminoloxía xa que, segundo eles, a estrutura "pan + de + substantivo" describe a materia prima da que se fixo o pan (pan de trigo, pan de centeo, pan de millo, pan de boroa...) e non o que vai entre o pan. A solución podería ser entón "bocadillo de salchicha" cuxo significado si coincidiría co sentido que se pretende, mais non transmitiría que se trata dun pan especial en forma de bolos industriais.

Outro tipo de propostas que tampouco tiveron moito éxito foron as seguintes:

- Na páx. 86 do "Vocabulario comercial" (Xunta, 1988) proponse 'BOLO CON SALCHICHA' como equivalente galego de "perrito".

- Na páx. 74 do "Vocabulario de tabernas, bares e cafeterías" (Xunta, 1991) proponse "BOLOS PREÑES DE SALCHICHA" como equivalente galego de "perritos calientes".

Esta última, segundo algúns membros da rolda de terminoloxía, tampouco parece moi precisa xa que os "bolos preñes" ou "bolos preñados" teñen unha forma de elaboración distinta da dos "hot dogs" (o chourizo envólvese en masa crúa e métese todo xunto ao forno).

Nas linguas do noso contorno temos as seguintes equivalencias:

Pt: cachorro-quente <DHLP2001>
Fr. Hot-dog <Robenouve1993>
It. Hot dog <Zingvocab2001>
Ca. entrepà de salsitxa de frankfurt, frankfurt <Termcerca>
En. hot dog <Collins1993>
De. Hot Dog <DeutDuden2003>

Para máis información e para ver máis polo miúdo o estudo do Termigal sobre o termo, remítese tamén a seguinte cita bibliográfica dun artigo da revista Verba:


Castaño Torrado, B. e González González, M. "Algúns procedementos para chegar a unha solución terminolóxica. Casos prácticos", en Regueira, X.L. e Veiga, A. (Ed.) (2001) Da gramática ó diccionario: Estudios de Lingüística Galega. Verba: Anuario Galego de Filoloxía, nº 49, Anexo. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico, páxs. 59-70.