Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

posicións do básquet

 

Ficha elaborada por Xabier Cid

6/9/2006

 

O problema que se presentaba era a procura de denominacións para as distintas posicións dos xogadores de básquet, se ben algunhas das denominacións tamén nos aparecen cando falamos doutros deportes. A dificultade radica na confluencia de distintos nomes, fundamentalmente empréstitos do castelán e do inglés, e por que non dicilo, na inconsistencia dende o punto de vista do significante do termo 'á': se ben existe normativamente a forma 'ala', non é a máis usual e interprétase habitualmente como castelanismo.

Unha posibilidade xeral sería denominar as posicións como a súa terminoloxía inglesa (amer.), unicamente por números: 1, 2, 3, 4 e 5. Este sistema, que non é aínda demasiado coñecido entre nós, non fai máis ca agochar a dificultade terminolóxica. Ademais, algunhas destas cuestións séguennos aparecendo ao falarmos doutras especialidades deportivas.

Imos posición a posición:

1. Base
en. point guard
es. base
pt. armador/base
it. guardia
fr. meneur
ct. base

As dúas opcións máis estendidas son base e garda, fundamentalmente a primeira. Dende logo é a que menos tensión produciría para a súa adaptación, e ademais, parece que o significado real da posición ten máis que ver cunha base (entendido como organizador) do que cun garda.

2. Base tirador, base tiradora
en. shooting guard
es. escolta
pt. armador/base
it. guardia tiratrice
fr. arrière
ct. escorta

As dúas posibilidades principais son escolta e unha construción nova, a partir de base, que fose base tirador ou algunha variante semellante. As dificultades desta última opción residen fundamentalmente no seu carácter insólito. Outra terceira posibilidade, quizais máis insolidaria, podería ser cobertura, baseada no francés, ou calquera termo máis axeitado que puidese dar a idea de apoio ao traballo do/a base, pero que ao mesmo tempo recollese o seu carácter máis ofensivo.

3.Á / Extremo, extrema
en. small forward
es. alero, ala
pt. ala/extremo
it. ala piccola
fr. petit allier
ct. aler

Esta é sen dúbida a posición máis complexa. Dunha banda porque o termo que recollen algúns dicionarios, coma o GDXL, é dificilmente sustentábel: semella pouco lóxico que 'aleiro' entre no idioma unicamente para adaptar un empréstito do castelán cun ámbito tan reducido de aplicación, e que se proscriba o seu uso co significado de 'beiril'. Máis xeitoso parecería o uso de á, pero presenta un problema de consistencia fónica que dificulta o seu uso.
Outras posibilidades: unha podería partir da exploración do significado de á aplicado a obxectos, con termos como aba, beiril... Outra podería estar en termos que tivesen que ver coa tradución de forward, como dianteiro ou extremo, forma existente pero minoritaria en portugués. Extremo ten ademais unha vantaxe importante: o seu uso en demarcacións noutros deportes.

Porén, extremo presenta unha dificultade con respecto ao xénero. Debemos empregar unha extrema para o básquet feminino, ao igual que empregamos a dianteira no fútbol? Semella que esa é a solución ideoloxica e lingüisticamente máis interesante, pero obriga a unha redefinición dos principais dicionarios (coma o GDXL), que só ofrecen para este significado o termo masculino.

4. Extremo/a forte, extremo/a adiantado/a
en. power forward
es. ala-pívot
pt. ala/extremo
it. ala grande / ala forte
fr. allier fort
ct. ala-pivot

Por coherencia coas linguas do contorno deberiamos optar por unha forma do tipo extremo forte, pero é abonda rupturista coa tradición que procede do español. Por outra parte, o significado é algo equívoco, porque non é que este extremo sexa máis forte có outro, senón que realiza un xogo máis, por así dicilo, interno, máis próximo do cesto. Unha proposta do tipo extremo adiantado é longa e incómoda, pero parece a máis axeitada.

5. Pivote, pivota
en. center
es. pívot
pt. pivô/poste
it. centro/pivot
fr. pivot
ct. pivot

Non sendo que nos vaiamos a unha solución creativa do tipo esteo ou pear, lindas pero pouco prácticas e non totalmente axeitadas ao significado, semella que pivote é a mellor das solucións, como recolle, p.ex. o GDXL. A dúbida está no seu feminino. O GDXL non recolle ningún e entende que debería ser 'a pivote'. Non parece que sexa a tendencia dominante manter eses adxectivos epicenos, nin ideolóxica nin lingüísticamente. E malia que o xénero feminino dos remtados en -ote só ten unha solución (sacerdote, sacerdotisa), é pouco produtivo este sufixo e un tanto estrafalaria a forma pivotisa. Pivota parece ter bastante máis xeito deixando aberta a porta a unha pivote que os dicionarios inda non recollen.