Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

shixela, shixelose, disentería bacilar, disentería bacteriana

 

Ficha elaborada por Luís Daviña Facal

29/6/2006

 

Suscitouse a dúbida de como traducir ou adaptar en galego o termo (suponse que castelán) "shigelosis". Efectivamente trátase dunha adaptación, non dunha tradución. A voz castelá "shigelosis" é unha adaptación de "shigellosis", do Vocabulario científico internacional (VCI), e corresponde a unha "infección producida por bacterios do xénero Shigella" que cursa con disentería. Neste vocabulario, o termo fórmase coa raíz shigell-, de Shigella, e o sufixo do latín científico -osis, derivado do grego -osis (á súa vez derivado de -sis cun -o- medial característico de derivados de certos verbos), que indica "enfermidade ou doenza producida por".

Ao tratarse dun termo dun vocabulario moi específico non está rexistrado, a esta altura, no DRAG nin no VOLGa. O Diccionario galego de termos médicos (DGTM) propón "shigelose", incorrendo nuha contradición cun termo semellante, lexionelose ("infección causada por microorganismos do xénero Legionella").

Na rolda de terminoloxía vertéronse varias opinións: adoptar a solución achegada polo DGTM, e o seu sinónimo "disentería bacilar"; adaptar o sh como x, de igual xeito que se fai co ge en xe, polo que teriamos "xixelose" (engadindo o opinante que a normativa ILG-RAG non admite dous x xuntos, o que, á súa vez, é opinable, polo que deberían ser "sixelose" e enfermidade e "sixela" calquera organismo do xénero Shigella); adoptar "shigelose", porque tamén se acepta jeep, ou empregar "shixelose" porque o DRAG admite shérif e show, e porque a adaptación de ge latino faise en xe. Polo tanto cómpre examinar detidamente a súa correcta adaptación para o galego.

A este respecto, temos os "problemas" do sh inicial, da sílaba ge, do duplo le do sufixo -osis. Imos do máis fácil ao máis difícil, en orde inversa á súa presentación.

1) Sufixo -osis: de acordo coa normativa (§ 8.5, NOMIG, 12ª ed., 1955) "as voces cultas con orixe nos nomes gregos en -sis adoptan a terminación -se e son todas do xénero feminino". Polo tanto, -ose. (Ademais, implica que o termo será feminino).

2) Duplo l: Aínda que nas NOMIG non hai un apartado específico para a adaptación do ll latino, dedúcese do § 1.5 que, a partir do século XIV o galego tende a especializar o l para os fonemas alveolares (ex. lat. castellum, gal. medieval castello, gal. moderno castelo; lat. color, gal. medieval collor, gal. moderno color). Polo tanto, l.

3) Sílaba ge: Segundo o § 1.9 das NOMIG, ao non ter o galego moderno distinción dun son prepalatal fricativo xordo (representado no galego medieval por g ou j (gesta, geada, gente, etc.; janiero, hoje, beijo, etc.) e un son prepalatal fricativo xordo, representado por x (coxo, eixe, feixe, etc.), débense esribir todos estos termos da mesma maneira, e con x. O que vale para as voces patrimoniais, debe valer tamén para os cultismos de introdución recente. Polo tanto, xe.

4) Incial sh: As NOMIG non inclúen criterios de adaptación de termos doutras linguas. Pero o VOLGa admite shakesperiano, shériff (con acento gráfico e dous efes) e sherpa, e o DRAG, ademáis de shérif (cun só efe), show. Por outra parte, xa vimos que o Diccionario galego de termos médicos inclúe "shigelose", como tamén leishmaníase ("infestación por protozoos do xénero Leishmania", e este do antropónimo Leishman). O VOLGa, pola súa parte, acolle leishmania (é de supoñer que como "especie do xénero Leishmania") e leishmaniose (seguramente co significado de "enfermidade producida por protozoos do xénero Leishmania". Hai que dicir que leismaníase e leishmaniose son sinónimos, pero esto sería cuestión doutro comentario).

Nos idiomas do noso contorno, as solucións son as seguintes:

Es. shigelosis, disentería bacilar, shigela. <Diccionario terminológico de ciencias médicas. Masson.>
Pt. shigelose, shigela, <Dicionário eletrônico Houaiss da língua portuguesa> disenteria bacilar, <EuroDicAutom>
Ca. shigel·la. <Diccionari de la llengua catalana. Intitut d’estudis catalans.>
En. shigellosis, bacyllary dysentery, shigella. <Merriam Webster’s Unabridged Dictionary>
Fr. shigellose, dysenterierie bacillaire, shigella. <EuroDicAutom>
It. (1) dissenteria bacillare, (2) shigellosi, (3) dissenteria batterica, shigella. <EuroDicAutom>.
De. Kruse Ruhr (a enfermidade). <EuroDicAutom>.
Da. Kruse-diarrhoe (a enfermidade). <EuroDicAutom>.
Nl. (1) bacillaire dysenterie, (2) dysenterie door bacil van Shiga-Kruse, (3) Shigella-dysenterie, (a enfermidade). <EuroDicAutom>.
Sv. bacillär dysenteri (a enfermidade). <EuroDicAutom>.
Fi. shigelloosi. <EuroDicAutom>.
El (moderno), (siggélose). <EuroDicAutom>.

De acordo co exposto, parece que a solución debe ser shixelose para a enfermidade, ou empregar o seu sinónimo disentería bacilar, máis utilizado polos médicos, dado que é unha disentería provocada pola infección por un bacilo, é dicir, por un bacterio en forma de bastonete, polo que tamén cabería outro sinónimo, disentería bacteriana, e denominar shixela a calquera especie de bacterio do xénero Shigella.

P.S. Canto ao emprego por parte deste comentarista do termo "bacterio" en vez do normativo "bacteria", gustaríame que se abrise un debate