Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
Volver ao índice
 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

soar, solar, terreo edificable

 

Ficha elaborada por Carlos Díaz Abraira

19/12/2005

 

Descrición e definición

O termo “solar” castelán equipárase en contextos non técnicos a “terreo edificable”. Esta é de feito a solución galega que ofrecen algúns materiais, entre eles, curiosamente (por ser moi recente e non recoller ou asumir solucións anteriores), o “Dicionario visual da construción”, editado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, co aval terminolóxico do Termigal, en 2005.

Con todo, é unha palabra da área do urbanismo que, tendo esa significación básica, se concreta pola súa caracterización técnica (cito a Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, do ano 2002, último texto legal galego de referencia nesta área):

“Artigo 16.- Soares.

1. Terán a condición de soar as superficies de solo urbano legalmente divididas e aptas para a edificación que, en todo caso, conten con acceso por vía pública pavimentada e servizos urbanos de abastecemento de auga potable, evacuación de augas residuais á rede de saneamento, subministración de enerxía eléctrica, iluminación pública, en condicións de caudal e potencia adecuadas para os usos permitidos. Se existira planeamento, ademais do anterior deberán estar urbanizadas de acordo coas aliñacións, rasantes e normas técnicas establecidas por este.

2. Os terreos incluídos no solo urbano non-consolidado e no solo urbanizable só poderán alcanzar a condición de soar despois de executadas, conforme o planeamento urbanístico, as obras de urbanización esixibles para a conexión cos sistemas xerais existentes e, se é o caso, para a ampliación ou reforzo destes.”

É dicir, susténtase no fundamental na acepción xeral pero cumprindo unha serie de especificacións urbanísticas concretas.

Propostas existentes (normativas e paranormativas)

Este termo xa aparece recollido no “Léxico administrativo castelán-galego” da RAG-ILG, de 1991, e entre outros materiais modernamente tamén no “Léxico de urbanismo, construcción e arquitectura” editado polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo en 1998 e no “Léxico da construcción”, do Termigal, de 2001, que citan como sinónimo “terreo edificable”. É unha palabra que recolle xa con esta acepción o dicionario da Real Academia Galega de 1997 e posteriormente aparece (como equivalente do castelán “solar”) no “Vocabulario ortográfico da lingua galega” (VOLGa) (2004).

A forma “soar” documéntase extensamente no galego medieval, en documentos notariais, en abundantes casos coma este: “Et damos a uos vn soar en que façades huna casa logo, cabo desse logar u viren que e mays sem dano do moesteyro”, exemplos moi próximos ao actual e que aboan, ademais dos materiais actuais comentados, a proposta desta solución terminolóxica.

Opinións sobre o termo e equivalencias noutras linguas

Na lista de terminoloxía auspiciada pola Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega apareceron dúbidas ou opinións contrarias ao emprego desta palabra con este significado (sen que se fixera ningunha proposta alternativa). O contraste con outros idiomas tampouco parece favorecer o emprego doutros termos máis acaídos. Así, no portugués temos “terreno para construir”=“terreno para construção” (pódense ver ambas as formas en páxinas inmobiliarias na Internet), dentro dun esquema urbanístico que tamén emprega os termos “lote” e “parcela” (máis xenéricos). O catalán ten a forma “solar” e o francés emprega algo paralelo ao portugués: “terrain à bâtir”. En textos en italiano referentes a España, emprégase mesmo a forma castelá “solar” (“solari in vendita in Girona”, “terreni: proprietà, solari...”), no canto da propia “terreno edificabile”.

Creo que, como noutros termos dos ámbitos urbanístico, administrativo ou xurídico, por exemplo, o feito de existiren unhas ordenacións ou regulamentacións nalgúns aspectos moi particulares nos diferentes estados ou nacións fai que se empreguen solucións non conducibles a equivalencias exactas. (Sería algo semellante ao que ocorre en diferentes linguas coas gamas ou escalas de cores).

Proposta

Por estas razóns, xulgo que o termo máis apropiado para o concepto de “solar” castelán é “soar”, como recollen os materiais galegos máis autorizados e como se vén empregando na nosa lexislación desde hai bastantes anos, solución que mesmo encontra apoio no galego antigo. En contextos menos especializados poderemos usar igualmente “terreo edificable”.