Sociedade Galega de Terminoloxía
Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia

 

 

 

 

benvida

Obxectivos

Actividades

Estatutos

Directiva

Actas

Socios

Novidades

Ligazóns

 

 

 

 

 

 

Acta da I Asemblea Xeral

(27 de xaneiro de 2005)

 

Presentes (Xunta Directiva Provisional):

Iolanda Galanes Santos (presidenta), Luís Daviña Facal (vicepresidente), Berta Castaño Torrado (secretaria), Anxos Sobriño Pérez (tesoureira), Manuel C. Núñez Singala (vogal 1º), Ana I. Martínez Fernández (vogal 2ª) e Jose Ramom Pichel Campos (vogal 4º).

Público asistente: 26 persoas.

Ás 17.10 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, ábrese a sesión da 1ª Asemblea Xeral da Sociedade Galega de Terminoloxía.

Desculpa asistencia: Jõao José Aveledo (vogal 3º).

En primeiro lugar, faise unha presentación da Xunta Directiva Provisional aos asistentes.

Con respecto á orde día, que se cita a seguir,

1. Presentación da Sociedade Galega de Terminoloxía
2. Escolla da Xunta Directiva
3. Fixación das cotas de asociación
4. Propostas de traballo
5. Solicitude de subvención
6. Outros asuntos
7. Rogos e preguntas

A presidenta propón un cambio na orde do debate, de modo que se trate o punto 3 antes ca o punto 2. Ademais, a efectos de escolla da Xunta Directiva e nesta 1ª Asemblea Xeral, considéranse socios/as os presentes que manifesten a súa intención de asociarse á entidade cubrindo a ficha correspondente e co compromiso de formalizar a súa subscrición a efectos económicos.

1. Presentación da Sociedade Galega de Terminoloxía.

Manuel Núñez Singala realiza unha breve presentación da iniciativa, os obxectivos e os trámites que levaron á constitución da Sociedade Galega de Terminoloxía.

2. Fixación das cotas de asociación.

A Directiva propon unha contía para as cotas de asociación: 25 € para socios individuais e 150 € para socios institucionais. Quedan aprobadas as cotas por unanimidade.


3. Escolla da Xunta Directiva.

Decídese o procedemento e a data de elección. A maioría dos asistentes prefire que a elección se efectúe o propio 27 de xaneiro de 2005, con 22 votos a favor, 5 abstencións e 6 en contra.

Coa finalidade de rexistrar os asistentes recóllense as inscricións de todas as persoas da sala, que manifestan o desexo de asociarse e divídense por sectores, que orientarán a elección de representantes de cada un deles.
Elabórase unha lista (vide anexo I) coas persoas asistentes e as persoas que previamente entregaron a súa inscrición que consta de 40 inscritos.
Rexeitan ser elixibles as seguintes persoas (en persoa ou en voz dun presente): Carlos Díaz Abraira, Ana Fraga Vahamonde, Mercedes Penoucos Castiñeiras, Xermán García Cancela, Xoán Antón Lado Lago, Begoña Varela Vázquez, Ana Buján Fra, Miguel Anxo Solla Portela, Paulo Malvar Fernández e Valentina Formoso Gosende.

Procédese á elección. Cada elector deberá riscar o nome de 8 candidatos, sen que haxa máis de tres dun mesmo sector. Tras o reconto, os resultados da votación son os que seguen:

- 25 votos: Berta Castaño Torrado (sector 1), Luís Daviña Facal (sector 4), Iolanda Galanes Santos (sector 7)
- 21 votos: Manuel Núñez Singala (sector 2)
- 20 votos: Anxos Sobriño Pérez (sector 2), Jose Ramom Pichel (sector 6)
- 10 votos: Xavier Gómez Guinovart (sector 4), Ana I. Martínez Fernández (sector 4), Salvador Pérez Froiz (sector 8)
- 9 votos: Xurxo Feijóo García (sector 1)
- 7 votos: Nel Vidal Barral (sector 2)
- 5 votos: Antón Gómez Méixome (sector 2), Antonio Fernández Guiadanes (sector 9)
- 4 votos: María Miramontes Castro
- 3 votos: Liliana Martínez Calvo, Cristina Blanco González, Beatriz García Turnes, Fernando García Bouza
- 2 votos: Ánxela Rodríguez Fernández, Rosa Moreiras Cuñarro
- 1 voto: Noemí Álvarez Villar, Sandra Villar Giner, M. Nuria Seoane Bouzas

Constitúese a Xunta Directiva, de modo provisional con 9 persoas (de 10 a 25 votos) e decídese a distribución de responsabilidades, e posible lista de agarda, na próxima reunión da Xunta Directiva, co obxecto de dirimir o empate a 10 votos. O procedemento proposto é a consulta cos tres membros empatados por se algún declinase o convite a integrar a directiva. En caso contario, decidirase por azar os postos 7 e 8, ficando o terceiro en lista de agarda.

A efectos administrativos mantense a distribución de responsabilidades da Xunta Directiva provisional, actuando como secretaria Berta Castaño Torrado e como presidenta Iolanda Galanes Santos.

4. Propostas de traballo.

A actividade prevista para a SGaT céntrase en dous dos obxectivos da asociación: a formación e a difusión da terminoloxía.
A proposta de formación consistiría en dúas accións de formación anuais en formato curso ou conferencia. Entre os temas propostos:

o Formación de especialistas:
- ferramentas informáticas aplicadas ao traballo terminolóxico:almacenamento de información terminolóxica (modelos de ficha, bases de datos, etc.), bancos de datos, traballo con corpus, presentación de repertorios etc.
- fontes documentais para a elaboración terminolóxica galega
- metodoloxía de traballo terminolóxico sistemático
- metodoloxía de traballo terminolóxico puntual
- criterios de adaptación ao galego de formantes cultos: ortografía da terminoloxía
- o préstamo terminolóxico
- procedementos neolóxicos no traballo terminolóxico
- fontes documentais na elaboración terminolóxica

o Formación non especialistas:
- ensino secundario mais editoras / ensino universitario mais snl

Neste primeiro ano proponse comezar cunha conferencia inaugural da profesora Teresa Cabré antes do verán e un curso para especialistas centrado nos recursos informáticos para o traballo terminolóxico.

No que se refire á difusión da terminoloxía proponse traballar na creación dunha páxina web da asociación que se convirta na páxina de referencia da terminoloxía galega. O formato proposto é o dun portal de terminoloxía.
Ademais, proponse a integración en redes internacionais de produción terminolóxica, como Realiter, o que parece acaído aos asistentes.

5. Solicitude de subvención.

Con respecto á solicitude de subvención, infórmase aos presentes da posibilidade de solicitar unha subvención destinada a asociacións que fomenten o uso da lingua galega (Orde do 13 de decembro de 2004 pola que se regula o concurso público para a concesión de subvencións a asociacións e institucións privadas sen fin de lucro para fomentar o uso social da lingua galega. DOG núm. 249 do 24 de decembro de 2004).

Preséntanse os conceptos que figurarán na memoria: gastos de papelaría, creación de páxina web e formación. Con respecto á futura páxina web da Sociedade, Antón Gómez Méixome, propón contratar o mantemento da páxina. A directiva solicítalle a proposta por escrito para estudar en Xunta Directiva.

6. Outros asuntos.

Establécese a domiciliación bancaria como único procedemento para satisfacer as cotas de afiliación. Solicítase aos futuros socios e socias que envíen a ficha de domiciliación bancaria. Nun apartado de correos habilitado próximamente e que se comunicará por correo electrónico.

7. Rogos e preguntas.

Antón Gómez Méixome subliña a necesidade de que se dea a coñecer como noticia o acontecido, e se difunda a composición definitiva da Xunta Directiva.

Rematados os debates, péchase a sesión ás 19.50 horas.