Sociedade Galega de Terminoloxía
Apartado de Correos 95
15780 Santiago de Compostela
Galicia
 

 

benvida

Obxectivos

Actividades

Estatutos

Directiva

Actas

Socios

Novidades

Ligazóns

 

 

 

 

 

Estatutos da Sociedade Galega de Terminoloxía

I Da asociación en xeral

II Dos asociados/as

III Dos órganos da asociación

IV Réxime económico

V Regulamento de réxime interno

VI Modificación de estatutos e disolución da asociación


CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1º
1.- Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación SOCIEDADE GALEGA DE TERMINOLOXÍA.

2.- A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º
O domicilio da asociación radicará na localidade de Vigo na rúa de Pi i Margall, nº 36, 36202, teléfono 986 228 311.

Artigo 3º
A asociación, en función dos seus fins e da situación do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e nos territorios con vínculos históricos, xeográficos e culturais comúns.

Artigo 4º
1.-A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos seus membros expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

2.- A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5º
1.- Son fins principais da asociación:
a.- Facilitar o coñecemento e a cohesión entre as persoas relacionadas coa terminoloxía en Galicia.
b.- Propiciar o intercambio de informacións e coñecementos no eido da terminoloxía,
c.- Promover a difusión da terminoloxía galega en todos os ámbitos,
d.- Promover accións formativas no eido da terminoloxía,
e.- Crear vínculos con outras entidades similares, especialmente do ámbito lusófono, e
f. - Constituír unha base para a mellora do status do traballador/a en terminoloxía.

2.- Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organizar as seguintes actividades:
a.- Cursos de formación, congresos, xornadas, seminarios, premios, etc.
b.- Editar un boletín informativo.
c.- Manter un sitio web.
d.- Editar e promover publicacións especializadas.
e.- Calquera outra actividade orientada á consecución dos obxectivos da asociación.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ao cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados e asociadas nin outras persoas físicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS/AS

Artigo 6º
1.- Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas, con plena capacidade de obrar e maiores de idade, e as persoas xurídicas, tras o acordo do seu órgano competente, que non teñan débedas pendentes coa asociación.
2.- Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.

Artigo 7º
Dentro da asociación poderán existir as seguintes clases de membros:
1. Numerarios,
2. Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación.

Artigo 8º
1.- A condición de membro pérdese:
a.- Por vontade propia.
b.-Por falta de pagamento de 2 cotas.
c.- Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente os intereses da asociación, logo do expediente disciplinario, con audiencia da persoa interesada.
d.-Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

2.- A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b.- e c.- do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia da persoa interesada. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 9º
Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:
a.- Participaren nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exerceren o dereito de voto, así como asistiren á Asemblea Xeral, de acordo cos estatutos.
b.- Seren informados da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
c.- Seren oídos con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra eles e seren informados dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, de ser o caso, impoña a sanción.
d.- Impugnaren os acordos dos órganos da asociación que estimen contrarios á lei ou aos estatutos.

Os asociados e asociadas honorarios non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación desta, pero están facultados para asistiren ás asembleas xerais con voz, pero sen voto.

Artigo 10º
Son obrigas dos asociados e asociadas:
1. Compartiren as finalidades da asociación e colaboraren para a súa consecución.
2. Pagaren as cotas que se establezan.
3. Desempeñaren os cargos para os que foron elixidos.
4. Acataren e cumpriren os acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
5. Acataren o contido dos estatutos.

CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11º
A dirección e administración da asociación serán exercidas polo/a presidente/a, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12º
1.- A Presidencia da asociación será exercida pola persoa designada pola Asemblea Xeral entre os membros asistentes e o seu mandato durará 4 anos. Estará asistida nas súas funcións por unha vicepresidencia, que substituirá á/ao presidente/a nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

2.- A presidencia terá as seguintes atribucións:
a.- Representar a asociación perante calquera organismo público ou privado.
b.- Convocar e presidir as sesións que celebre a Xunta Directiva; presidir as sesións da Asemblea Xeral; dirixir as deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
c.- Executar os acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
d.- Ordenar os pagamentos acordados validamente.
e.- Asinar as actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co/a secretario/a ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13º
1.- A Xunta Directiva estará formada polas persoas que exerzan a Presidencia da asociación, a Vicepresidencia, a Secretaría, a Tesourería e mais 4 vogalías.

2.- Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.
As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

3.- A Asemblea Xeral será a competente para elixir os cargos da Xunta Directiva. A duración dos cargos é dun período de 4 anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

4.- Os cargos cesarán na súa función por:
a.- Falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
b.- Renuncia voluntaria.
c.- Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
d.- Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por ¾ das persoas asociadas reunidas en Asemblea Xeral extraordinaria convocada para este efecto.

A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ao cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ao día do sucesor.
As vacantes que se puidesen producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente/a, secretario/a e tesoureiro/a.

Artigo 14º
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:
1. Programar e dirixir as actividades asociativas.
2. Levar a xestión administrativa e económica da asociación.
3. Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
4. Convocar e fixar a data da Asemblea Xeral.
5. Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
6. Designar as comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
7. Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
8. Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados/as.
9. Propoñer o plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
10. Resolver os procedementos disciplinarios que se instrúan.
11. Aquelas que non veñan atribuídas expresamente a outro órgano da asociación.

Artigo 15º
1.- A Xunta Directiva será convocada pola Presidencia, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

2.- Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do/a presidente/a ou vicepresidente/a e o/a secretario/a ou persoa que o substitúa.
O/A secretario/a ou, no seu defecto, o/a vogal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ao libro de actas.

Artigo 16º
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de persoas asociadas que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Artigo 17º
A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por todos os integrantes desta. As persoas que desempeñen a Presidencia e a Secretaría da Xunta Directiva serán respectivamente o/a presidente/a e o/a secretario/a da asemblea.

Artigo 18º
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos membros. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ao/á presidente/a, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19º
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no 1º cuadrimestre do ano. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

Artigo 20º
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:
1. Aprobar o plan de actividades.
2. Examinar e aprobar as contas e balances do exercicio anterior.
3. Aprobar os presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
4. Exame e aprobación das cotas.
5. Elixir e ratificar que cesen os membros da Xunta Directiva.

Artigo 21º
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:
1. Modificar os estatutos da asociación.
2. Elixir e ratificar que cesen os membros da Xunta Directiva. Aprobar a federación con outras asociacións.
3. Autorizar o alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
4. Acordar a disolución da asociación.
5. Designar os/as liquidadores/as.
6. Ratificar a expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
7. Solicitar a declaración de utilidade pública da asociación.
8. Aprobar o regulamento de réxime interno da asociación.
9. As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agardar a súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
10. Todas as non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 22º
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un das persoas asociadas na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do/da presidente/a ou vicepresidente/a e o/a secretario/a ou quen o/a substitúa.

Artigo 23º
Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos aos apartados do 1 ao 7 do artigo 21º, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ao libro de actas e asinarao o/a presidente/a, o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24º
Os acordos adoptados conforme aos preceptos anteriores obrigarán a todos/as os/as asociados/as, incluso dos membros non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine a presidencia. Seguidamente o/a secretario/a dará lectura á acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada e posteriormente, o/a secretario/a presentará a orde do día. Os membros da Xunta Directiva informarán sobre os puntos que lles corresponda, procedéndose ao debate e á aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 25º
Contra os acordos que se opoñan a estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderase recorrer en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26º
1. A Secretaría recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro rexistro de asociados/as e terá ao seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notificar as convocatorias, custodiar as actas e expedir certificacións destas co visto e prace da Presidencia. O/A secretario/a tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.
2. Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade de quen exerza a Secretaría, o/a presidente/a designará entre as vogalías a alguén que desenvolva esta función.

Artigo 27º
1. A Tesourería recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, daralles cumprimento ás ordes de pagamento que expida a Presidencia, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación, así como as contas de resultados e balances.
2. O/A tesoureiro/a ten a obriga de proceder ao peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.

Artigo 28º
As vogalías terán as seguintes atribucións:
1. Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
2. Desempeñar os traballos que lles sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 29º
A asociación no momento de iniciar as súas actividades dispón dun patrimonio de 32 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 30º
A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado polo/a tesoureiro/a da asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 31º
A asociación manterase dos seguintes recursos:
1. As cotas periódicas dos/as asociados/as.
2. As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
3. As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
4. Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
5. Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 32º
A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atender as necesidades da asociación.

Artigo 33º
Anualmente, con referencia ao ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ao sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 34º
Para a disposición de fondos das contas que a asociación teña nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do/a presidente/a e do/a tesoureiro/a.

Artigo 35º
Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 36º
O regulamento de réxime interno, de ser o caso, desenvolverá aquelas materias non consideradas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ao ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 37º
Estes estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para este efecto, adoptado polas 2/3 partes dos membros. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 38º
A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 39º
Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto ao/á presidente/a e o/a tesoureiro/a, procederán a efectuar a liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 40º
O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.
O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.